Escoitar, Aprender e Compartir

BENVIDA

 
EnderezoCamiño do Penisal, 29 - 36320 Chapela (Redondela)
Tfno.: 886 110 610  //  Fax: 886 110 623
e-mail: ies.chapela@edu.xunta.gal
Código de Centro: 36019566

Admisión de alumnado ESO e Bacharelato - Curso 2026-27

 

OBRADOIRO DE ESCRITA CREATIVA CON ALEXIA DOTRAS

O luns, 2 de marzo, o club de Lectura e Familias, coordinado por Olga Rey, levou a cabo unha nova xuntanza. Neste caso reuniuse para realizar un obradoiro de escrita creativa con Alexia Dotras, quen sempre sorprende coas súas propostas. As integrantes deste club puideron deleitarse con xogos sobre as palabras, poñendo a proba a súa capacidade de definir conceptos ou de crear novas palabras. 

 

O IES de Chapela celebra o 8M tecendo igualdade

 

Este 8M, Día Internacional da Muller Traballadora, dende o IES Chapela queremos poñer en valor o traballo das tecedeiras. Cosemos para darlles voz; cosemos para recordalas; cosemos para que existan.

A través dunha instalación quixemos tecer a historia daquelas mulleres que co coidado das súas mans tecían familias, cosían desconsolos, zurcían carencias familiares e cosían mallas que sostiñan sociedades enteiras. Porque a tarefa dos coidados como traballo é esencial para a igualdade de xénero e para unha sociedade que busca o benestar, para o cal é imprescindible situar os coidados no plano de recoñecemento social que merecen. 

Mais tamén quixemos tecer nesa mesma urdime os libros e relatos que cosen almas con voz de muller como Rosalía de Castro, María Mariño, María Reimóndez ou Nerea Pallares. Símbolo deste traballo é o poema "Tecín soia a miña tea", que hoxe escoitamos recitar nas voces das nosas alumnas Sara e Leire.

Grazas ao Departamento de Servizos, o Equipo da Biblioteca e á Brigada Violeta por unir os fíos para tecer un instituto onde, mulleres e homes, sigamos tecendo igualdade no tear da Coeducación.

 

CHARLA PSICONUTRICIÓN

O alumnado do CFGS Dietética réxime ordinario e distancia tivo o venres unha charla sobre a Psiconutrición e a súa relación coa comida. 

 

Inicio do prazo de solicitude de admisión de alumnado de novo ingreso en ESO e Bacharelato para o curso 2026-2027

 

Admisión do alumnado de novo ingreso para ESO e Bacharelato no curso 2026-27

Prazo: 1 ao 20 de marzo

 

Poderá realizarse ben de xeito telemático a través da aplicación https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/

ou ben presencialmente no propio centro entregando a seguinte documentación:

  • Fotocopia DNI ou folla de inscrición da alumna-o no Libro de Familia.
  • Certificado de matrícula (con código XADE) no que conste o curso que está a estudar actualmente.
  • Certificado académico, salvo para 1º ESO.
  • Padrón familiar

 

Vacantes

 

Listaxe provisional de admitidos: 27 de abril

Listaxe definitiva: 15 de maio

TALLER TEXTURAS

O pasado xoves recibimos no instituto á formadora de Ozoaqua, laboratorio dermatolóxico galego, que impartiu unha charla a parte do alumnado de farmacia modular sobre a organización, departamentos e funcións nun laboratorio profesional. A sesión rematou cun obradoiro práctico de texturas no que experimentaron con formulacións e produtos para a pel.

 

Xornadas de formación dos nosos Equipos de Axuda

O noso alumnado dos Equipos de Axuda viviu onte e hoxe dúas intensas e enriquecedoras xornadas de formación no multiúsos da Xunqueira (Redondela). Foron sesións cheas de reflexión, dinámicas de grupo e aprendizaxes que van máis alá da aula. Durante as xornadas, afondaron en habilidades fundamentais como a empatía, a escoita activa, a comunicación, a xestión de emocións e o traballo en equipo, co obxectivo de poder acompañar no futuro as súas compañeiras e compañeiros ante as dificultades do día a día. 

Na formación contamos co psicólogo José María Avilés, creador do programa dos Equipos de Axuda, e pechamos cun acto moi especial de entrega de diplomas, coa presenza da alcaldesa Digna Rivas e da nosa madriña, a humorista Arantxa Treus.

Parabéns ao equipo de convivencia do centro polo seu enorme traballo, que fai posible esta fermosa experiencia educativa no IES de Chapela. E, por suposto, todo o noso recoñecemento e cariño ao alumnado dos Equipos de Axuda, que é desde xa unha peza clave na mellora da convivencia do centro! 

Acreditación de competencia dixital para o alumnado de FP

O alumnado de 2º curso de ciclos medios da oferta ordinaria, así como o alumnado de ciclos medios da oferta modular que titulase ou titule durante o curso 2025-2026, poderá solicitar a inscrición nunha proba de acreditación de competencia dixital. A proba consistirá na realización dun exercicio específico correspondente á Área de Dominio 4 e permitirá obter a certificación de nivel intermedio de competencia dixital, conforme ao Marco Galego de Competencias Dixitais.

O alumnado interesado que reúna os requisitos deberá cubrir este Anexo e presentalo na secretaría do centro ou en xefatura de estudos ata o 15 de marzo ás 13:00 horas.

A proba é gratuíta e realizarase no propio centro durante o mes de abril. O día e a hora concretos comunicaranse unha vez que a Dirección Xeral de Formación Profesional asigne as datas.

Pode consultarse toda a información da convocatoria na seguinte ligazón, así como un resumo dos aspectos máis relevantes aquí.

Festival de Teatro Grecolatino_Helena de Eurípides

O luns 24 de febreiro o alumnado de 4º ESO que cursa as materias de Latín e Filosofía de 1º e 2º de Bacharelato de Humanidades acudiu, xunto coas profesoras de Filosofía e de Latín, acompañadas da coidadora do noso centro, ao Teatro Municipal de Tui para asistir a unha función teatral: Helena de Eurípides, representación que forma parte do Festival de Teatro Grecolatino, organizado pola SEEC-Galicia e representada polo Grupo grupo Noite Bohemia.

Aproveitamos que a actividade se celebraba nesta fermosa e histórica vila para percorrer as súas rúas e, a continuación, asistimos á posta en escena desta orixinal peza teatral na que Eurípides lle dá unha volta ao mito de Helena e converte a traxedia noutra das súas alegacións contra a futilidade da guerra, cargada de funestas consecuencias, sobre todo, a que ten como xustificación un motivo aparente, falso ou inexistente.

O alumnado, ao igual que os numerosos mozos e mozas de diversos centros educativos que alí acudiron, puideron aproximarse en vivo a unha obra e a un espectáculo nacidos na antiga Grecia e comprender por si mesmos que os clásicos están aí agochados, agardando cobrar actualidade en calquera momento.

 

Distribuir contido