Xela anda por terras lucenses. Foi con dous compañeiros e un profe a unhas xornadas de debate pero non lograron clasificarse para a final de mañá. Tiñan que ter cultura xeral e estar ao día de cuestións políticas e sociais e estar informados polos medios de comunicación e defender un tema.
E pregunto eu; medios de comunicación son os que poñen na portada que gaña máis un licenciado de formación profesional ca un licenciado universitario e non poñen que un político enchufado sen estudos gaña máis ca os dous licenciados xuntos?
Nada, que as cousas tiñan que estar claras coma auga da fonte da foto.
Entrei na semana santa traballando o domingo para adiantar pedidos para evitar o caos do inventario e a suba dos prezos do penso.
O resto foron días tranquilos e solleiros cos coches suxos de farna e paseos curtos coa cadela e lendo os agasallos que recibín por estrear a década dos sesenta.
E onte fomos cos morracenses ata a zona de Sanxenxo e Ogrove. Demos unha paseata dende a ermida ata a zona dos chiringos. Despois fomos xantar á Bodega de Mari e comemos ben nun sitio limpo, amplo e recén remodelado. Logo fomos ata San Vicente do Mar que estaba cheo de xente e coches. Tratamos de tomar un café pero ou os sitios estaban cheos ou non tiñan café así que fixemos o paseo ata a zona militar con bastante calor e acabamos mortos de sede e algo colorados. Despois no Cámping Siglo XXI puidemos refrescarnos. Logo tocou a caravana de tráfico para saír de alí e coller a vía rápida e ir a Marín onde fomos coñecer un can (Marín) e mirar como medrou outro (Albus).
Naideleo anda pola vella Eirín e eu estou de antirrodríguez: traballando e atendendo a casa e os fillos. Xa sei que soa a queixa pero hai que engadir que traballo de noite e que a veciña ten un can que chora e ladra todo o día. Polo resto todo ben. O gasoil baixou un chisco, non todo o que tiña que baixar pero bueno. Luns fun ao taller e andei un montón; dende o taller ao Mercadona e de aí á casa con algo de compra e logo fun polo coche. No choio ben aínda que meteron unha aplicación nova para os horarios aparte da outra das nóminas; un lío.
E así ando; durmindo dúas ou tres horas pola mañá, outra hora despois de xantar e á tardiña trato de monear pero nada.
A imaxe é dun feltro que representa a acollida de exiliados políticos.
Non é o mesmo «neste mundo perdido» ca «neste mundo, perdido». No meu caso semella máis acorde a segunda oración porque levo bastantes días sen publicar e pasaron días do número Pi ou días de San Patricio que en Madrid homenaxearon nomeando a Gran Vía coma Green Vía. A ver cando fan algo así con Galicia e en troques do Paseo de la Castellana bautízano coma Paseo de la Galiciana aínda que sexa un día.
En fin, que o tempo pasou e non valen de excusas lecturas ou actividades dos fillos que estou de vacacións e debíame dar tempo a escribir aquí. Pero, non sei, non se me dá por escribir e así non falo das trumpadas que fai o President que agora vai ir por Cuba e para o outro mes non sei a quen lle tocará. O caso é marear o mundo e alterar economías cando non destruir países. Por se é o caso, millor aprender a orientarse polo mundo en caso de catástrofe e poño esta imaxe cun dato que non sabía, que todos os días algo se aprende.
A primeiros de ano tocoulle a Venezuela e agora é Irán o obxectivo do president. Pensei que ía subir o prezo do combustible en xaneiro pero mantívose e andaba polos 1,30 €; iso si, desta volta subiu a trompicóns nesta semana máis de 30 céntimos. Menos mal que semella que quedou aí parado e a ver se aguanta porque se non dispáranse os prezos.
Como non todo tiña que ser malas novas recibín a alegría de que non vou ser presidente da comunidade neste ano nin no que vén.
No choio foi todo máis ou menos normal só que a empresa cambiou de sistema de nóminas e falla bastante pero falla para mal dos traballadores. A ver se o amañan. E tamén estou de vacacións.
Luns foi o día de Rosalía e houbo recital con xente dos institutos e ao final había caldo de gloria que non probei que había que facer cola.
O resto da semana foi o típico co choio polas noites, o pouco durmir polas mañás, coller a Xela no instituto e ler bastante. Agora estou con tres libros: ‘O Quixote’, ‘Os Chapurros’ e ‘Todo o tempo do mundo’.
E onte sábado houbo desfile de comparsas e animeime a repetir de Trump cos papeis Eipstein. Foi un pase rápido e rematei seguindo á batucada ‘Leña verde’ da foto.
Esta semana volvín ao choio. Fixen o símil cun tren onde eu son o fogoneiro botando carbón sen parar e a oficina é a estación e os clientes son os pasaxeiros. Os pedidos serían as maletas dos pasaxeiros e os carretilleiros serían os mozos de carga. Outros serían o condutor do tren e o revisor. Nada, tolemias miñas.
Hai un novo que é frenético e non para de falar nin na ducha. Tamén empezou un rapaciño en mantemento e polo resto segue máis ou menos igual pero cunha nova aplicación para fichar e para mirar as nóminas que por suposto non funciona.
Eu leveino ben aínda que a primeira descarga que fixen na moega de correctores fíxena coa man esquerda e deume un estralazo. Para coller e levantar sacos a man vai ben pero para outras cousas está resentida. Terei que darlle tempo.
E de foto poño un gato que lle vou debuxar a unha compañeira no casco que o anterior casco sufriu un ‘accidente’.
Venres Xela quería ir ao instiruto cunha camisa branca e un sombreiro de exploradora do parque xurásico cun dinosaurio amarrado dun brazo pero non se atopaba mui ben e de feito botou practicamente toda a semana con momentos de febre, dor de barriga, diarrea e dor de cabeza. Fomos á pediatra e dixo que era un virus e que se se puña pior habería que levala ao Cunqueiro pero non foi a máis.
Onte sábado fun a Don Disfraz a ver se había máscara de Maduro porque tocaba este ano xa que o ano pasado fun de Trump; pero non había. Había unha de vello pero valía 50 euros e pareceume cara. Fun a outra tenda e merquei a máscara da foto por 3,50 euros e ía ir pola tarde pero me daba non sei que deixar a Xela na casa así que ao final non fun e creo que o martes dan mal tempo e ao final non sairei de meco a meterme coa xente. Supoño que quedará para o ano que vén.
Iso si, o Leo saiu cos amigos a Vigo e ía disfrazado de virachaquetas que levaba oito (si,oito!) camisolas de distintos clubes de fútbol enriba e foi descubríndoas unha a unha cada certo tempo.
E non acabou o entruido que mañá xa teño que disfrazarme de traballador que rematei as vacacións do ano pasado despois da baixa pola man. Foron tres meses en total sen traballar.
O sábado non foi día de chuvia e ata saiu o sol e descubrimos no xardín un merlo que está a facer o niño nunha sebe que temos. E onte domingo fomos mirar a película ‘Hamnet’ que trata da relación que tivo Shakespeare coa súa muller e os fillos e o drama que viviron coa morte do seu fillo.
E agora vou cheirar entroidos na interrede que non sei de que me vou disfrazar este ano.
Levaba tempo sen mirar a cervexa ‘Miña terra galega’ de Galician Brew e hoxe fun ata a fábrica que está no concello veciño. Alá fun por aqueles camiños estreitos e cheos de auga que o Leonardo anda por aquí. Timbrei na cancela e o único que me respondeu foi un can. Chamei por teléfono e unha muller xa me dixo que pechara a fábrica. O meu gozo nun pozo! Tamén A Rochiña estaba abandonada.