Mostrando entradas con la etiqueta Curtametraxe. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Curtametraxe. Mostrar todas las entradas

3/7/14

Booktrailers para libros galegos


Os booktráilers son ferramentas cunha gran capacidade para promocionar libros. No caso do libro galego, é fundamental ter en conta esta nova linguaxe audiovisual e a súa potencialidade.
De aí que queiramos visualizalos, tal como fai o blogue de Xerais: 
"Booktráiler da novela A viaxe de Gagarín de Agustín Fernández Paz, realizado por David Rodríguez. O booktráiler pode verse tamén no blog de Gagarín, unha bitácora que o autor abriu para informar do proceso de documentación da novela: «precisei documentarme antes sobre diferentes temas, que se foron ampliando a medida que avanzaba na redacción. Foi un proceso interesantísimo, onde descubrín verdadeiras alfaias: libros, páxinas web, películas, cancións…». Trátase, iso si, dun blog «que ten data de caducidade: nun cálculo aproximado, sáenme entre vinte e vinte e cinco entradas de interese. Esas serán as que desenvolva; cando as acabe, poñereille o ramo a esta iniciativa. A un ritmo de dúas por semana, en menos de tres meses estará rematado».
Outro booktrailer a ter en conta é o de Os televisores estrábicos, un libro de relatos de Ramón Vilar Landeira.

20/5/14

"Booktrailers" e "teasers" ao servizo da literatura



Recoñecemos o esforzo de Edicións Xerais de Galicia por publicitar libros para lectores e lectoras novas por medio da linguaxe audiovisual. 
Podemos ver unha mostra a través dos realizados para A illa de todas as illas de Xabier P. Docampo, Un niño no xardín de Xoán Neira, a triloxía Dragall de Elena Gallego, O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro ou Vento e chuvia de Manuel Gago.

27/6/12

LIBRO CON CURTA


Dúas letras, unha curta de Eloi Varela con guión de Fina Casalderrey, acaba de ser publicada pola editorial Galaxia. O volume recolle un DVD (coa curta e os seus extras en forma de entrevistas con director, guionista, primeira actriz, making off, localizacións…) e un libro no que acompañan o relato de Fina un par de textos de Víctor Freixanes e Francisco Castro sobre a emigración.
Unha película que xa recibiu varios premios (nos Festivais de Cine de Bueu, Primavera de Vigo e Cans onde recolleu o Premio do xurado dos veciños de Cans á mellor curtametraxe de ficción, Premio do público á mellor curtametraxe de ficción, e o Premio do xurado á mellor interpretación feminina)  e está realizada en branco e negro. Nela, nin os actores nin as actrices son profesionais pero conseguen facer real unha historia triste de emigración na que nai e fillo se comunican a través desas dúas letras que atravesan o Atlántico.
Vale a pena vela, por moitas razóns pero especialmente polo que supón de superación de obstáculos cando hai unha historia que contar e se quere facer a través dun medio tan caro coma o cine. Todo se pode superar cando se parte da creatividade, era a mensaxe do editor na presentación, e neste caso demóstrase de sobra. Con iso debemos contar e coa novidade de que por unha vez, se escriba o relato a partir dunha película e non ao revés, como é común.

9/2/09

CAL VIVA, CAL MORTA. A DERRADEIRA FESTA.


Unha curtametraxe documental sobre os últimos caleiros, que xa foi presentada en Mondoñedo, Ourense e Santiago. O artista audiovisual Mariano Casas e o antropólogo Duarte Fernández xúntanse para documentar un oficio pouco coñecido e en período de regresión, o dos caleiros que transforman a caliza en cal. Leamos a presentación dos autores na web da Academia Galega do Audiovisual: Esta peza documental, de 48 minutos de duración, é unha interesantísima ollada á vida dos derradeiros CALEIROS, sobreviventes ata hai pouco dun milenario oficio, que consistía en cocer pedra caliza durante días nunha enorme cheminea, obtendo así o cal. Deste oficio, que supuxo unha incipiente industria da que vivíu moita xente na zona da Mariña Central, apenas quedan erguidas unha ducia de caleiras, algunhas delas en moi mal estado de conservación. Esta ruindade material é o primeiro síntoma da desaparición dunha cultura que viu no coñecemento dos usos tradicionais do cal, unha forma de subsistencia e posterior desenvolvemento. Os últimos caleiros, homes xa octoxenarios, fixeron unha derradeira QUEIMA, para que o oficio que coñeceron en vida non morra con eles. Esa queima foi unha gran festa na que a xente de Masma (Mondoñedo) contou en primeira persoa o que fora esta dura e fermosa labor. Vexamos un trailer en You Tube