Mostrando entradas con la etiqueta western. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta western. Mostrar todas las entradas

8/6/14

TAMÉN LEN: WESTERN CO PROFE XABIER ROMERO


Para o derradeiro Tamén Len deste curso, que convocamos o luns 2 de xuño, pensamos que sería interesante invitar ao antigo profesor de Historia, Xabier, para que nos falara dunha paixón compartida: as pelis do Oeste americano, e deste xeito compartilas cos mozos e mozas de hoxe para que poideran achegarse a este xénero e disfrutalo. E como o tema deu para moito, seguimos despois da comida, na sesión do Club de Lectura. 

Como podedes apreciar o ambiente de "Biblio-Cantina" foi conseguido coa inigualable colaboración de Begoña, quen distribuíu o atrezo que uns e outros nos encargamos de aportar: dende a alfombra da directora ata a montura do cabalo de Javier Ferreño... 



Grazas á colaboración de Merce, a profe de Música, e dos músicos, xa habituais nas nosas actividades, o son das notas de Ennio Morricone serviu para introducirnos e transportarnos a ese mundo, neste caso do "Spaghetti Western".


"O WESTERN: DOCUMENTO DUNHA ÉPOCA OU LENDA?" foi o título que Xabier buscou para organizar uns excepcionais fragmentos audiovisuais e un discurso que serviu de fío para achegármonos a un xénero cinematográfico que a día de hoxe non goza do esplendor que tivo no pasado, pero que nós quixemos visitar e analizar. Ademais de relacionalo cunha historia que limos de pequenos nos folletíns de Marcial Lafuente Estefanía (os chicos s.t.) ou en cómics como Blueberry, Lucky Lucke, etc, e que formaron parte do noso imaxinario colectivo.

Na España de mediados dos anos 60, cando comeza a chegar a Televisión ás casas, os sábados pola tarde podiamos ver, máis que nada, pelis do Oeste, que de críos nos entusiasmaban, cunha estética da violencia que enganchaba sobre todo aos rapaces. A presenza da muller nestes filmes limitábase aos arquetipos da muller da casa e da muller do burdel. 
A época dourada do western foron as décadas de 1930-50. Comezamos con imaxes dos inicios da conquista do Oeste americano, e coa chegada do ferrocarril e da compañía eléctrica, que acaban co mito deses pioneiros. Sen deixar de facer unha reflexión sobre a idea da lei ou da xustiza: (linchamentos, axustes de contas...) Nas primeiras pelis a paisaxe tivo unha presenza magnífica, porque nos anos 30-40 era máis barato e sinxelo rodar en exteriores que en estudio, e os directores eran máis libres ao principio.


Na década dos 50 aparecen filmes pro-indios, que hai que entender no contexto da loita de liberación dos negros na sociedade norteamericana. 
"Raíces profundas" sería un bo exemplo de "western psicolóxico", co protagonista atormentado por un pasado de pistoleiro que quere deixar atrás. Ou "Só ante o perigo", que reflectiría o estado de ánimo do seu director ante a "Caza de Bruxas de Hollywood".
Que xurdira o que poderiamos chamar "western ecolóxico" ten a súa razón de ser se pensamos no exterminio de búfalos (entre 1950-80 pasouse de 100.000 cabezas a 3000) e de indios que foi paralelo, xa que eran esenciais para soster o seu modo de vida.
Nos anos 60 parecía que a fórmula estaba esgotada, pero aparece un "western crepuscular", que aborda a fin do mito do western e a chegada dos novos tempos "civilizados"... (O home que matou a Liberty Valance, de J. Ford). 
Non esquecemos títulos tan signficativos, como "Johnny Guitar" (1954), de Nicholas Ray; sen deixar de nomear "Os sete magníficos", que ten a curiosidade de estar baseado nos "7 samurais" de Akira Kurosawa; ou a magnífica "Grupo salvaxe", de Sam Peckinpah. 
En Italia e en Almería, nos 60-70, Sergio Leone rodará o que se deu en chamar eurowestern ou  "spaghetti western": serán filmes de violencia descarnada, baseada nos silencios, nas miradas,  no protagonismo da música de E. Morricone, onde destaca o actor Clint Eastwood.


Concluímos que o western foi un extraordinario documento dunha época, pero tamén mito, lenda, idealización romántica. Non hai máis que recordar a algúns dos seus fascinantes tipos duros: Jesse James, Wyatt Earp. Ou como se ensalzou a personaxes reais que foron detestables, como o caso do Xeneral Custer, mitificado polo western e a historia oficial.

4/6/14

O MANGA E O WESTERN. SKY HAWK de TANIGUCHI.


JIRO TANIGUCHI – SKY HAWK

FICHA DE LECTURA:
                                                                              
-TÍTULO: Sky Hawk.                                                        
-AUTOR: Jiro Taniguchi.
-LUGAR DE PUBLICACIÓN: Girona.
-EDITORIAL: Ponent Mon.
-ANO DE PUBLICACIÓN: 2002
-PUBLICADO EN ESPAÑA: 2010

ARGUMENTO:

Hikozaburo e Manzo, dous samuráis exiliados aos EE.UU. durante a Restauración Meiji (1868), viven da caza no territorio dos indios Crow. Un día Hikozaburo axuda a escapar a unha india chamada Cervo Saltareiro, perseguida por uns cazarrecompensas que lle seguen a pista. A piques de ser apresados, son salvados por un grupo de guerreiros oglala ao mando de Cabalo Louco. O xefe indio, fascinado pola técnica de loita dos dous samuráis, invítaos ao seu campamento para aprender jiu-jitsu aos seus homes. Deste encontro nacerá unha fonda amizade.
Convertidos en Falcón do Ceo e Lobo do Vento, os dous samuráis loitarán xunto aos indios contra o home branco que vén a conquistar o Oeste. A batalla por salvar o territorio sagrado de Black Hills será terrible, mais os valentes guerreiros están decididos a loitar ata o final, nunha reconstrución fiel da famosa batalla de Little Big Horn, onde perdeu a vida o xeneral Custer, en 1876; pero que foi seguida dunha implacable persecución por parte das tropas do exército, e provocou a forzada retirada dos indios ás reservas.

Con Sky Hawk, Jiro Taniguchi, ofrécenos un western fascinante onde o bushido xaponés e o código de honor indio nútrense dos mesmos valores. A paisaxe do Far West americano e o estilo depurado do autor combinan á perfección na historia dunha amizade improbable. Xoga coa sensación de que os seus personaxes existiron, imprimíndolles o maior realismo posible nun contexto estraño; pero que ten puntos en común, nas súa formas de pensar, de relacionarse coa natureza, de tratar a vida e a morte...

Sabemos que na atualidade, son as aventuras e os heroes do manga xaponés os que triunfan entre a mocidade; namentres que anteriores xeracións tiveron entre os seus aventureiros favoritos os personaxes do western. Por iso, esta obra de Taniguchi é particular, porque o mesmo autor xaponés estivo influído dende xoven polos filmes do oeste e polas historietas ou cómics de vaqueiros que se facían en Occidente. Con Sky Hawk, fai unha magnífica, fonda, xusta e ben documentada homenaxe a este xénero, onde os protagonistas son dous xaponeses que vivirán entre indios americanos e pistoleiros; e onde defende a postura das tribos indias...


SOBRE O AUTOR:

Jiro Taniguchi é un famoso autor de manga xaponés de estilo realista, trazo limpo e acabado detallista, moi influenciado polo cómic europeo, en concreto pola historieta franco-belga.
Jiro Taniguchi naceu en 1947 en Tottori (Xapón). Comezou a traballar en 1966 como asistente no estudio do debuxante de manga Ishikawa Kyota, debutando xa como debuxante en 1970 con Un verán seco. Nos seus primeiros anos debuxaría historias curtas para diversas revistas, ata publicar a súa primeira serie propia, Animais sen nome, Kodansha 1975), unha historia protagonizada por animis.
Dende 1976 ata 1979 publicou numerosos traballos de todos os xéneros con varios guionistas como  Natsuo Sekikawa, con quen realizaría obras como Cidade sen defensa, 1976), O vento do Oeste é branco, 1976 ou Lindo 3! (1978).
Nos anos 1980 volveron a traballar xuntos en A época Botchan, 1987-1996, obra longa baseada no clásico da literatura xaponesa do escritor Natsume Soseki sobre a vida en Xapón durante a era Meiji (finais do s. XIX), polo que recibiría o Premio Cultural Tezuka Osamu en 1998. Con Sekikawa volvería a traballar en Hotel Harbour View (1986), obra publicada en diversos países como EE UU, Francia ou España, e que para moitos lectores sería a primeira obra coñecida do autor.
A partir de 1991 comeza a alternar os traballos con outros guionistas con obras en solitario, de corte máis intimista, entre as que figuran O camiñante, 1990-1991O almanaque de meu pai, 1994. ou Barrio lonxano, 1996, que obtivo o premio L`Alph Art ao mellor guión no Festival de Angulema de 2003 e o premio á mellor obra no Salón do Cómic de Barcelona de 2004. En 1997 publica Ícaro na revista semanal Morning, con guións de Moebius e Jean Annestay, obra que debía extenderse en diversos volúmes, pero que tivo un final precipitado, recompilándose posteriormente nun único volume.
Xa no s. XXI publica obras como O rastrexador, 2000, Seton (2004), Un ceo radiante, 2005 ou A montaña máxica, 2007, a súa primeira obra publicada en formato álbum europeo e a cor. En 2008 publica a obra autobiográfica Un zoo en inverno, narrando o traslado dende a súa vila natal á gran cidade e os  seus inicios no  mundo do manga en Tokio, como axudante dun mestre mangaka.
Taniguchi gañou numerosos premios en Xapón, e os  seus traballos son traducidos en varios idiomas.É un dos autores de manga contemporáneos máis recoñecidos internacionalmente, destacando a súa presenza no mercado francés. (fonte: Tebeosfera)

(véxase a ficha de lectura no apartado Lecturas que fixemos do blog do noso Club de Lectura)

1/6/14

GRANDES AVENTUREIROS DE ONTE E DE HOXE: BLUEBERRY.

BLUEBERRY:


"Blueberry nace como un novo tipo de heroe. Este novo zorro non xurdiu fóra da noite para correr cara a aventura ao galope. Non, Mike S. Blueberry apareceu por primeira vez, de fronte, na sétima viñeta de FORT NAVAJO: nun garito fronte á mesa de xogo, cartas en man e un cigarro pendurado. Por certo, aínda non levaba  barba de tres días, para que poidamos admirar o seu aspecto de BELMONDO insolente. Porén, dende o principio, está presente o espírito do personaxe e da serie. En só dúas páxinas saberemos que fai trampas no xogo, que bebe alcol e que xamais deixa pasar unha boa pelexa, ademais de disparar rápido e con puntería. Xa pode comezar a longa busca en solitario a través dun Oeste salvaxe e turbado. Unha saga con falsas premisas clásicas que, inevitablemente, revolucionou o universo familiar da B.D.". 

Blueberry naceu o 31 de outubro de 1963, en PILOTE, do fecundo cerebro de Jean-Michel Charlier e a lúcida pluma de Jean Giraud (máis tarde chamado Moebius). O primeiro foi un apaixonado de  América e da historia do Oeste. O segundo, un xoven e prometedor debuxante, por non dicir superdotado, namorado das historias do Oeste e formado na fantástica escola do gran Jijé. Parece ser que estaban predestinados a entenderse e a complementarse.


Jean Giraud elixiu o nome, Blueberry, e un físico inspirado no actor francés Jean-Paul Belmondo, (actor que se convertiría nunha icona popular a través do cinema da Nouvelle Vague, cun físico atípico e un algo de cínico). Introduciu unha referencia a outra cultura, máis vangardista, no universo do cómic da época, destinado sobre todo a un público adolescente. Creía que un cómic perfecto esixía algo de modestia nos medios, unha sutil cuestión de harmonía e equilibrio, un fantástico equilibrio tanto no fondo como na forma, entre a tradición e a modernidade. O tratamento da paisaxe é magnífico, así como o do movemento dos cabalos, que imprimen unha vitalidade e un ritmo dunha clara alusión ao cinema americano, ao western, que crea e recrea con mestría.



Charlier ten excepcionais dotes de narrador, e mestura a precisión de documentalista coa súa arte de inventar. Giraud é un debuxante que leva aínda máis lonxe as súas historias, cun expresivo estilo cinematográfico, brillantemente desenfreado e realista. Crean  así un novo tipo de heroe nos anos sesenta, iconoclasta e rebelde, refractario á autoridade e contestatario á xerarquía. Nos dez primeiros episodios da serie, Blueberry está as súas anchas na pel dun militar, aínda que non deixa de ser un representante da desorde. A pesares das súas incongruencias e defectos, resultaba simpático.
É militar insubordinado, gamberro de pura cepa, non se leva ben coas persoas "decentes", é gran coñecedor dos indios e sabe respectalos, os seus poucos amigos son personaxes vagos e de dubidosa moral...
Ten un pasado, vai avellentando, segue un percorrido vital que modela a psicoloxía do personaxe, que nacería en 1843 e morrería en 1933.
(Textos de Hugo Cassavetti, en Blueberry: Los montes de la superstición2003)

"Muraya, a experiencia secreta de Blueberry", será o título que elixirá Jan Kounen para adaptar nun filme de 2004 un episodio do personaxe entre chamanes, asumido polo actor francés Vincent Cassel a a actriz Juliette Lewis. 
Deixamos o enlace a unha crítica bastante crítica cun filme pouco afortunado na súa adaptación.