Mostrando entradas con la etiqueta Teatro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Teatro. Mostrar todas las entradas

16/7/20

Carabela


Paula Carballeira achéganos unha pequena peza teatral cargada de contido. Carabela é a historia dunha cociñeira que naufraga na Illa Pequena de Plástico.

Unha oportunidade para concienciar sobre o uso e abuso dos plásticos e as súas consecuencias para o noso planeta. Para falar de reutilización e reciclaxe, como fai a protagonista ao construír a súa boneca.

A ter en conta para aumentar os fondos deses recunchos verdes que están agromando nas nosas bibliotecas, comprometidas cos Obxectivos de Desenvolvemeto Sustentable da Axenda 2030.

27/3/20

27 de Marzo: Día Mundial do Teatro 2020

O 27 de marzo de 1962 o Instituto Internacional do Teatro (ITI) decidiu establecer esta data como Día Mundial do Teatro. O obxectivo é poñer en valor a forma de arte "teatro".  Este ano o dramaturgo pakistaní Shahid Nadeem é o encargado do manifesto baixo o lema: O Teatro como Santuario.

Achegamos dúas recomendacións para coñecer mellor este arte e para interpretala: 


Teatro é un dos Actividarios de Ediciones Ekaré. Un caderno cheo de información e propostas, de comedia, drama e traxedia. Pra traballar na escola e en familia. Un teatro que so pide ollos para ven e mans para aplaudir.





Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso de Héctor Cajaraville  editado por Xerais. Unha biografía que achega a nosa rapazada á figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2020. O autor inserta 7 pequenas pezas teatrais sobre momentos puntuais da vida de Calero. Unha homenaxe á afición deste polo teatro e ás 7 pezas teatrais que publicou.




27/3/19

Algunhas propostas de lectura para o Día Mundial do Teatro

O 27 de marzo conmemoramos o Día Mundial del Teatro, que  foi creado por iniciativas do Instituto Internacional do Teatro (ITI) en 1961.
Desde as bibliotecas escolares presentamos unha selección de textos teatrais, que poden achegar a lectura dramática  ou a representación teatral ao  noso alumnado.

A raíña de Turnedó de Gloria Sanchez con ilustracións de Pablo Otero (Kalandraka, 2014) é un poema escénico no que a participación do público é fundamental para acompañar os excéntricos personaxes desta divertida corte real. A sonoridade, a rima e a estrutura acumulativa do relato son as claves para enganchar a lectura ou a representación da obra.(Presentación editorial)


O premio de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño foi acadado por Fernando Castro Paredes coa obra de teatro A derradeira bala (Galaxia, 2018)  
Do blog De libros e outros achegamos a recensión de  Pilar Sampedro: Un xoguete tan absurdo como a guerra que é o seu tema. 
Unha traxicomedia cuns diálogos marcados pola retranca e a ironía, dise na presentación editorial.
Poucos personaxes: Luciano Cardone, as xemelgas Ramírez (Michelle e Mabel) o sarxento Unamuno e a comandante Cienfuegos. Alguén que toma a decisión de abandonar a guerra, os que o acusan de traidor, a dúbida de se o inimigo está aínda aí, detrás da outra barricada ou o silencio é a mostra de que xa a guerra rematou e... para fusilar ao desertor ou para facer a guerra só queda unha bala, a derradeira.
Riámonos da guerra, mentres nos deixen! 


O  poema Cómo el buen Don Nicanor no fue rey ni emperador de Mar Benegas, con ilustracións de Ximo Abadía (Trestristestigres, 2016) contén unha adaptación teatral realizada por Jesús Ge, para representar as aventuras de Don Nicanor.

3/1/19

Novas de teatro: A formiga fóra do carreiro de Raquel Castro




Iniciamos o ano 2019 parabenizando á editorial Galaxia pola publicación de obras de teatro infantil galego, neste caso, A formiga fóra do carreiro de Raquel Castro.

Nela, unha formiga vai ter que enfrontarse a un feixe de animais de toda clase que non deixan de dicirlle o que debe facer e como se debe comportar cando ela, en realidade, o que quere é ser libre e feliz. 

Publicada na colección Árbore e destinada a un lectorado autónomo, A formiga fóra do carreiro ensínanos que todas e todos procuramos o noso destino.

As obras de teatro son imprescindibles nas nosas bibliotecas para facermos lecturas dramatizadas ou mesmo para a súa representación, xa que contamos con moitos grupos de teatro escolar.


28/5/18

Unha proposta teatral: A soidade do asasino de Carlos G. Reigosa



A soidade do asasino, de Carlos G. Reigosa. Xerais, 2018.

A editorial Xerais vén de publicar na colección Fóra de xogo a peza teatral A soidade do asasino de Carlos G. Reigosa.

A obra está centrada na dialéctica entre un asasino e a súa vítima, que durante o tempo que dura a obra teiman sobre a conveniencia ou non do asasinato, rematando dun xeito inesperado para o lector.


Destinada para lectores a partir dos 15 anos (xuvenil) onde non abundan as propostas teatrais. Ben sexa para unha lectura compartida ou para a súa representación, é un título que debe ser tido en conta para os recursos da biblioteca escolar de Secundaria.

Enlace ao programa Cada día un libro

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-soidade-do-asasino-de-carlos-g-reigosa

15/1/18

Teatro para ler e representar: O valo de Carlos Labraña


O valo de Carlos Labraña, ilustrado por Nuria Díaz, vén de ser publicado na Biblioteca Dramática galega, coeditada por Xerais e AGADIC.

A obra mereceu o IX Premio Manuel María de literatura Dramática Infantil no ano 2016.
No medio dun deserto, un neno soldado chanta unha bandeira e coloca un valo de arame, xusto onde no seu mapa marca a fronteira. Do outro lado do valo, Sahara, unha rapaza abandonada, que foxe da guerra, trata de convencelo de que a deixe pasar, xa que está procurando un pozo onde saciar a súa sede. Mirando as estrelas fugaces no firmamento, Sahara e o Soldadiño comparten idéntico ceo e comprenden que só na procura dos seus soños atoparán a liberdade. Peza dun único lance para dous personaxes, “O valo” propón unha emocionante reflexión sobre a igualdade e a paz entre todas as persoas e comunidades. (Presentación editorial)
Pallasos en Rebeldía, baixo a dirección de Iván Prado representan esta obra de Carlos Labraña.
Teatro para ler, para ver e tamén para representar nas actividades promovidas polas bibliotecas escolares, cando xa está próximo o Día Escolar da Non Violencia e da Paz.

6/4/16

Novas de teatro infantil


A editorial Galaxia vén de publicar na colección Árbore dúas obras de teatro: Moito morro corporation, Sociedade Ilimitada e As terapias da doutora Ledicia.

Moito morro corporation, Sociedade Ilimitada está escrita por Carlos Labraña conta e ilustrada por Rodrigo Chao. Trátase dunha historia moi divertida onde unha compañía de pallasos, trapecistas e domadores demostrarán aos pequenos e pequenas lectoras que se acheguen a eles por que o circo é “o maior espectáculo do mundo”.
Con esta obra de teatro Carlos Labraña gañou o concurso de Teatro infantil O Facho, na convocatoria de 2014.


As terapias da doutora Ledicia está escrita por Raquel Castro , con ilustracións de Almudena Aparicio. Nesta obriña, tamén cómica, unha psicóloga trata aos doentes “de corazón”. Personaxes coma o Apalpador, o Home do Saco, o Lobishome ou a Carolina serán tratados por ela,  que receita  sorrisos, brincadeiras ou ilusión.
As terapias da doutora Ledicia recibiu o Premio de Honra nos premios Estornela de Teatro que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas, no ano 2014.

Destinadas ambas as dúas  aos lectores autónomos, ben valen  para ser lidas ou representadas nas nosas escolas.

28/9/15

Teatro para pequenos: O lobo e a lúa


A actriz, guionista e directora teatral Andrea Bayer  acadou o premio Barriga Verde na modalidade de teatro para rapaces con O lobo e a lúa, na súa edición de 2014.
Nesta peza teatral, publicada agora por Baía Edicións e ilustrada por Chus Ferrín, os personaxes non son o que a priori pensamos e van axudar a resolver o enigma de por que o lobo quere falar coa lúa...
Segundo a propia autora, trátase dunha “peza teatral tenra, divertida e intrigante na que os seus personaxes –Nina, a tartaruga; Duarte, o elefante, e Miñao, un gato malhumorado– conviven a pesar das súas diferenzas”.
A autora dános moitas pistas para a súa representación. 


28/7/15

Novidades con premio

Da autoría de Antón Cortizas, o texto recolle o mellor da súa faceta de recompilador da tradición oral e dos xogos populares. Lembremos que del son os libros Chirlosmirlos. Enciclopedia dos xogos populares de Galicia, Tastarabás. Enciclopeda de brinquedos tradicionais e Ao pé da Laxa da Moa. Literatura de tradición oral de Carnota.
A obra presenta o xogo como actividade imprescindible e para iso toma man da tradición, dos xogos pasados de boca en boca a través da memoria. Da memoria que hai que gardar fronte a o Gro que é un monstro que quere roubala. Unha loita na que dúas fadas (Impo, de imposible e Tempus de tempo) axudan aos humanos, pero na que os gatos terán moito que dicir. 
Unha nena aburrida de ver televisión e andar coa video consola tenta brincar, e se non hai nenos farao coa Lúa.
Actores e títeres, teatro real e de sombrqas para poñer sobre as táboas e no chan do teatro os xogos de sempre, as lengalengas, as estruturas acumulativas e repetitivas, as adiviñas... en catro actos (un deles opcional con xogos a realizar cos espectadores) e todo iso adobado coas cancións infantís (que se nos achegan cos seus pentagramas).   
Porque "xogades que facedes ou facedes que xogades?", "xogar ou non xogar... esa é a cuestión".
E asa ilustracións de Leandro Lamas acompañando o texto, coas súas características propias, aportando o seu bo facer.  


6/7/15

Manuel María, autor das Letras Galegas para o ano 2016


 A noticia de que o escritor Manuel María será o autor homenaxeado o próximo 17 de maio foi moi ben recibida polo conxunto da sociedade galega. Poucas veces un autor recibe este aplauso unánime dos lectores. A RAG acertou na súa elección.
Manuel María, ademais de poeta para o público xeral e a infancia, foi narrador e autor teatral. 
Un creador atento ás necesidades do sistema literario galego, da escola e da sociedade. Cando publicou Os soños na gaiola  declaraba que era o libro que tivera gustado ler cando cativo. E os pequenos e pequenas do país déronlle cumprida resposta. Os soños saíron da gaiola para voar e ser cantados por Suso Vaamonde, e con el, polos galegos dun tempo. 
As Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, foi unhas desas obras de teatro que encheron os escenarios dos centros de ensino. teatro para ler, para representar, para falar... porque ten mensaxe.
E outros libros para a infancia e a xuventude, para confirmar que nas bibliotecas escolares haberá moito que dicir deste autor da Terra Cha.
Un autor que conta cunha Fundación que achega moita información e recursos para traballalo. Un autor que recibiu o I premio Leixaprén de centros de ensino pola súa contribución ao galego.




14/11/14

Premios de literatura dramática

Acaban de fallarse os premios de literatura dramática da AGADIC.
O premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais correspondeu á obra Raclette de Santiago Cortegoso, o premio Manuel María de literatura dramática infantil correspondeu a Antón Cortizas por Xogando con gatos. O Barriga Verde de textos para monicreques, na modalidade infantil, foi para O lobo e a lúa de Andrea Bayer, e na modalidade de adultos fo para a obra Ela, piedade dos suicidas de Xavier Lamas
O xurado valorou...
No caso de Raclette: "a solidez da súa estrutura dramática, cun logrado equilibrio entre a ironía e o humor, como no “sabiamente dosificado” dramatismo co que transmite a realidade narrada. Partindo do concepto orixinal da ‘raclette’ como a comida en comunidade ideada polos pastores suízos para escorrentaren o frío e a soidade, Santiago Cortegoso preséntanos aquí un mosaico de cinco personaxes arredor dunha cea, a modo de ‘raclette’ urbana e contemporánea. En palabras do seu autor, os seus cinco universos “reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes”, chamando a atención sobre problemas como a hipercompetitividade, a incomunicación ou a sobreprotección".
"De Xogando con gatos, o xurado destaca como a obra enfía o rico acervo popular de transmisión oral no que o protagonista é un gato (cancións, contos, adiviñas, lengalengas...) nunha trama que pon de manifesto a desaparición gradual de toda esa literatura relacionada co xogo e coa vida social da infancia. Sobresae, así mesmo, a rica teatralidade deste texto, na que teñen cabida o musical, a danza, o mimo, as marionetas e o teatro de sombras, de xeito que –tal e como expón o ditame do premio– constitúe un magnífico material para un traballo multidisciplinar nas escolas, así como para un espectáculo escénico de gran formato".
"Así mesmo, de O lobo e a lúa, subliña o xurado a súa “innegable vontade escénica”, na que se reflicte a experiencia da súa autora á fronte da súa compañía Baobab Teatro e doutras formacións anteriores: “imaxes suxestivas e precisas, xogos dinámicos ben inseridos na situación dramática, personaxes de caracterización definida e unha temática axeitada para a franxa de idade á que vai dirixida a peza”.
De Ela, piedade dos suicidas,  "esta peza contén as claves dun proxecto escénico moi ambicioso, conseguido mediante o recurso aos obxectos, ademais dunha elevada calidade lírica dos personaxes, que dá moita profundidade a unhas figuras dramáticas deseñadas cunha técnica moi rendible e pouco vista hoxe”.

1/10/14

Teatro por un tubo (ou mellor, sobre os escenarios)

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas pasou a ser a primeira peza teatral destinada ao público infantil posta en escena polo Centro Dramático Galego. Esa vella arela que un día reivindicara publicamente Cándido Pazó no nome de todos os mediadores da literatura infantil e de toda a rapazada deste país levouse a cabohai máis dunha década.
A obra que fora o primeiro premio do certame de teatro O Facho pasou a ser tamén a primeira obra representada polo CDG. Carlos Casares, o seu autor ben o merecía. O elenco, a posta en escena, a escolla da dirección (o portugués José Martíns), a música e todo o que xirou arredor desta obra constituiu unha aposta ilusionante. Agora, volve as táboas co CDG e Jose Caldas. Os nenos e as nenas non son sempre os mesmos e poderán espertar á ilusión e á cretividade das mans desta peza.
Esta é a guía didáctica.

23/7/14

Libros de teatro e poesía. Teatro e poesía infantil.









 






  
 
O teatro é un xénero en desvantaxe e o teatro infantil está na marxinalidade da marxinalidade. Aínda así, conta co apoio decidido da Fundación Neira Vilas que continúa a convocar o seu premio Estornela para textos teatrais que está a publicar a editorial ferrolán Embora, seguindo a estela que comezara edicións do Castro na época -sempre lembrada- de Isaac Díaz Pardo.
Embora publica a obra premiada, e moitas veces tamén as finalistas (ou que obteñen unha mención especial do xurado). Así está a ser, tamén, cos premios Arume de poesía, convocados pola mesma fundación e dos que acaba de ser publicada a obra Versos e bicos ou O libro dos bicos de Xosé Luna.
Á última das pezas distinguidas co Premio Estornela, Arlequino Viceversa, é unha obra de Diana Varela Puñal que "dispón toda a loxística escénica de xeito tal que resulta doada a súa adaptación ás táboas sen necesidade de grandes esforzos". E tamén, "ofrece unha lectura en valores, con marcado acento para cuestións como a defensa das tradicións propias, a convivencia interxeracional, a esperanza e a ilusión por vivir, a capacidade para soñar e emocionarse e a importancia da solidariedade a a amizade", en palabras da crítica.

30/6/14

Concurso de Teatro infantil 2014 da A.C. O Facho

 

A Asociación Cultural O Facho segue en pé, e continúa levando adiante concursos cos asentou os primeiros textos de creación literaria para a infancia galega. 

Agora, faise público o ganador da edición de teatro infantil 2014. Nesta ocasión correspondeulle a Carlos Labraña pola obra Moito morro corporation Sociedade Ilimitada. Este creador é suficientemente coñecido neste campo por ser autor ade obras tan recoñecidas como Indo para o samaín, O teatro dos soños, Os sons da buguina; Esperta, principiño!; O teatro de xoguete... e ganador de premios como o VI Concurso Estornela de teatro para nenos en 2010, mención honorífica deste mesmo cocurso Estornela en 2012 e ganador deste concurso O Facho en 2013

O xurado estivo composto polos autores Manuel Lourenzo, Carme Martínez Mosqueira e Rubén Ruibal.



30/1/14

Libros que se transforman en teatro


 O espectáculo Acuario do grupo Teatro dos Ghazafellos, forma parte do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Esta función está basada no libro de poemas Acuario de María Canosa, publicado por Embora (colección Fardel dos soños) con ilustracións de Dani Padrón. A súa temática xira arredor da flora e a fauna do litoral, pois é a visita a un acuario por parte dun grupo de nenas e nenos coa intención de coñecer a vida na auga o fío que ata a historia, dirixida aos máis pequenos.
Na representación, ademais dos actores e actriz, participa a autora do poemario.
Poemas para ler, cantar, e tamén, representar.

27/1/14

Libros de teatro. Teatro para ler e para ver.

Paula Carballeira gana de novo o premio Manuel María de Literatura Dramática 2011 (despois de Boas noites) coa obra O refugallo, que aparece publicada na colección Biblioteca Dramática Galega de Xerais. Ilustrada por Dani Padrón, co seu característico estilo.
Situada no lugar do refugallo, catro rapaces xogan desde o que cada un deles é: Isolda ten un libro de viaxes, Barborante é un neno con tartaruga, Hipatia ten un telescopio e Lustucú unha pata de pau. Cada nome e cada obxecto fala do personaxe e do destino. 
A acción consiste no xogo dos rapaces que vai  transformando o espazo: Isolda poñeralle nome, Hipatia achegará a información... 
Xogan "ás casarotas" nun nonsense que divertirá aos máis pequenos e fará pensar aos máis grandes, porque o pasan ben nun lugar de mágoa, porque os nenos poden sorrir en calquera lugar, xogar nos malos tempos... Viaxan a bordo do refugallo e chegarán aos paraísos, para iso está a imaxinación e ¡a palabra!
Co ritmo rápido a que nos ten acostumados a autora, brincando coas palabras e os seus significados, coas cancións e as imaxes, co libro ou co teatro representado pola compañía de Paula, deixémonos ir ao refugallo ¡seguro que o pasaremos ben!

2/12/13

Obras completas e Letras Galegas


Acaba da saír o terceiro volume das Obras completas de Roberto Vidal Bolaño
Ás veces case non chega o ano para poder sacer á luz os estudos e obras dos autores homenaxeados, como sucede neste caso con RVB.
Edicións Positivas embarcouse nunha empresa grandiosa ao facerse cargo desta edición tan potente, pero fíxoo convencida de que era necesaria. Por iso, nos alegramos cada vez que vai aparecendo un novo tomo e poñémonos á tarefa de lelo.
Agora, que as cifras de títulos editados en galego son cada vez menos, sendo superados pola edición en éuscaro, debemos apoiar a aquelas editoras que fan esforzos por manter a edición de calidade.

5/11/13

Lectura de teatro e sobre o teatro




Con esta frase remataban os espectaculos do último títere tradicional galego. O seu nome, Barriga Verde, resoa aínda na memoria de moitas persoas, mais o boneco e as formas daquel espectáculo corren o risco de caer no esquecemento.
Para evitalo, distintas iniciativas procedentes dos eidos do audiovisual, do teatro e da investigación únense no Proxecto Barriga Verde co que recuperar o patrimonio titiriteiro galego e poñelo en relación coa estirpe europea dos Polichinelas.
Este libro-DVD é un primeiro achegamento a este mundo, onde os textos complementan as imaxes do documental no que Barriga Verde e os seus parentes europeos cobran vida. 
(Da presentación editorial) 
Manuel María, tamén publicaría unha obra teatral con este nome, Barriga Verde.

19/9/13

Premio de literatura infantil e xuvenil dramática

Raúl Dans conseguiu, con Un mosquito de nome Henri, o premio Barriga Verde de teatro infantil na súa última convocatoria. Este galardón, está promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) para a dinamización da escrita teatral para monicreques.
A obra está publicada por Baía con ilustracións de Jacobo Fernández.
A autor, Raúl Dans, nunhas declaracións á prensa, anima a ler teatro da mesma maneira que se len outros xéneros literarios.

18/9/13

TOUPORROUTOU DA LÚA E DO SOL no CDG

 

O CDG (Centro Dramático Galego) coproduce con Teatro do Noroeste, coa colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a obra infantil de Roberto Vidal Bolaño, baixo a dirección de Eduardo Alonso.
A estrea trerá lugar o 4 de outubro no Salón Teatro de Santiago
Por fin, o público máis novo terá acceso á obra do autor homenaxeado nas Letras galegos do 2013.
"Touporroutou da lúa e do sol preséntase como unha "farsada choqueira para actores e bonecos, ou viceversa" na que catro titiriteiros axúdanse dos máis diversos elementos para contar historias sobre a orixe destes astros, dos días e das noites, do diluvio universal e sobre como acertar cos tesouros e tratar os mouros, as fadas e, sobre todo, as serpes e os xigantes que os gardan". Mitoloxía en marcha.