Mostrando entradas con la etiqueta revista. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta revista. Mostrar todas las entradas

18/10/16

O PAPAGAIO, revista infantil e xuvenil


Acaba de saír o primeiro número da revista O PAPAGAIO, baixo a dirección de Abraham Carreiro e editada por Edicións Moito Conto.  A revista está destinada ao alumnado de primaria e secundaria e publicada integramente en galego.
A ciencia, a tecnoloxía, a ecoloxía, a historia, a arte, a cultura, a integración ou a banda deseñada teñen unha sección fixa na revista e os textos están asinados ou asesorados por persoas expertas na materia, aínda que botamos en falta os créditos do consello de redacción.

Os contidos da revista, ben interesantes, poden axudar co traballo informativo nos diferentes ámbitos e mesmo téñen cabida as achegas dos centros de ensino.
Material imprescindible nas bibliotecas escolares e necesario para a normalización do galego.

24/4/15

Revista de libros: Criaturas (Nº 1)


Xa se dera a benvida á revista Criaturas, unha publicación necesaria para coñecer máis e mellor a nosa literatura infantil e xuvenil.
Agora, aparece o número un, dedicado ao humor.
Ademais da súa sección de crítica, artigos de fondo como "O humor na lix galega" de Mª Jesús Fernández, "O que se agacha detrás do teatro de Paula Carballeira" de Vázquez Freire, "Humor no teatro infantil e xuvenil contemporáneo", "Humor na literatura portuguesa", unha guía de lecturas de humor baixo o nome "Constelación: humor" ou a entrevista de Francisco Castro a Paula Carballeira. 
Unha boa ocasión para lembrar o papel do humor na literatura infantil e volver aos grandes do xénero. 
Pega a pena entrar na páxina e ler. Ler sempre, sobre lecturas e libros.
E despois, falaremos.

4/3/15

Tradición oral: amuletos e reliquias


A Asociación de Escritores en Lingua Galega acaba de publicar, baixo a súa cabeceira Escrita Contemporánea o volume de 140 páxinas que recolle textos de Eusebio Rey Seara, Calros Solla, Alfonso Blanco Torrado e mais Rosa Maria dos Santos Capelão. Trátase das actas das VII Xornadas de Literatura de Tradición Oral que se desenvolveron en Lugo o pasado mes de outubro co título Amuletos e reliquias. Usos e crenzas e que están a disposición de todos os lectores e lectoras na rede. 
Cuestións como as reliquias na antigüidade, os obxectos de poder na sociedade tradicional ou a capacidade sanadora destes elementos son algúns dos temas abordados no volume, que se corresponde coa quinta entrega da cabeceira. 
(Información recollida en lg3)

14/1/15

Nova revista de banda deseñada: Noveno 9

Unha vez máis é Kiko da Silva quen bot aa andar unha publicación relacionada coa banda deseñada.
A escola de cómic, O Garaxe Hermético, que el dirixe, acaba de facer públio o nacemento desta revista dixital á que podemos acceder a través da rede.
Obra do alumnado e nada arredor dunha idea, unha nova, un motivo: 3 días de escuridade.
Un nome que dá xogo Noveno 9 e unha nova oportunidade de ler banda deseñada, neste caso a través da pantalla.
Bo futuro!

10/12/14

CRIATURAS. A revista dixital de literatura infantil e xuvenil galega

Hai uns días, en Culturgal, fíxose a presentación pública desta nova publicación, tan necesaria que pasou varios días desaparecida da rede de puro exceso de interese. 
- Atascousenos!- é o mellor que se pode dicir dunha nova revista. Empachousenos de tanta xente como quería darlle de comer.
Quen dirá que non a sentimos imprescindible?
Poñémolas chapiñas, facémoslle un sitio e lemos o que nos din na editorial:
"Detrás de Criaturas estamos persoas de todos os ámbitos da creación e da mediación: escrita, ilustración, deseño, crítica, bibliotecas… e máis queremos que estean. Ademais de crear unha nova plataforma de difusión, análise e estudo da LIX, temos un certo degoxo de renovación, de dar voz a novas xeracións de todos estes eidos e outros que se vaian incorporando. Hai que lle procurar a isto que andamos a debullar no poliedro da lectura e dos libros de LIX, caras novas, ángulos distintos, vértices de confluenza e arestas de encontro. Porque a pesar de que vivamos neste anaco de mundo que corresponde ao punto cardinal exacto onde o vento nunca deixa de soprar, de seguro que aínda quedan cousas por inventar."

25/8/14

A revista de literatura infantil Peonza dedica un monográfico ao escritor Agustín Fernández Paz

A revista de literatura infantil e xuvenil, Peonza, dedica o seu número 108 a Agustín Fernández Paz.
Artigos de varios especialistas van complementando esta visión, tal como podemos ver no sumario editorial, a modo de avance:
Xavier P. Docampo: Escribimos lo que somos. 
Xavier Sentín: Un escritor comprometido con su tiempo.
Isabel Soto: La repercusión de la memoria histórica.
José Luis Polanco: El oficio de educar.
María José Fernández: Voces de mujer.

Martin Pawley: El cine de Agustín 
Agustín Fernández Paz: Reflexiones sobre la precariedad laboral. 
ENTREVISTAMOS A
José Luis Polanco: Agustín Fernández Paz 
BIBLIOTECA AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
MIL PALABRAS PARA UNA IMAGEN

José Luis Polanco: La carpintería del oficio.
ILÚSTRATE
Mireia Manresa y Lara Reyes:El álbum y el hábito lector.
ENTRE VIÑETAS
Juan Gutiérrez Martínez-Conde: Vidas más o menos ejemplares.
NUESTRO ILUSTRADOR
Javier Sobrino: Miguelanxo Prado.
BIBLIOTECA
NOTICIAS
Por Javier Flor Rebanal.
COLOFÓN
GALERÍA

29/1/14

Crowdfunding para a revista OINK!

Verkami é unha plataforma de crowfunding para apoio de proxectos creativos. Oink é a única revista galega para xente de seis a quince anos.
Cowdfunding é unha forma directa de financiar proxectos coa suma de achegas individuais. Os lectores convértense en mecenas e reciben recompensas exclusivas a cambio da súa colaboración.
Así se presentan:
Queres que a rapazada teña unha publicación feita na nosa terra?
Se pensas que a mocidade precisa de medios feitos na súa lingua axúdanos a facelo realidade. Hai preto de 200,000 rapaces e rapazas entre os seis e quince anos de idade que non contan cunha revista que lles fale desde a súa mesma realidade.
Estes son tempos de acción, de non mirar pasivos o que pasa senón de intervir para contruír boas noticias, desas que necesitamos cada día para non deprimirnos diante dos medios de comunicación. Toca actuar, consumir responsablemente, manter o necesario e desbotar o que non o sexa. Por iso, haberá que converterse en protagonistas, en mecenas, en construtores do día a día. Agora, Oink danos esa posibilidade. Aproveitémola, especialmente a través da rapazada, porque a eles tamén lles toca.  

2/10/13

Revistas dixitais na biblioteca escolar

 
Revistas que achegan información ao profesorado acerca de temáticas emerxentes e permanentes.
Revistas dixitais en aberto para que todos e todas podamos acceder a elas directamente.
Revistas necesarias:
Labirinto dixital, revista dixital de Igaciencia. Acaba de saír o primeiro número no que se recollen as actas do seu congreso sobre software libre e educación e diferentes traballos sobre ferramentas de doada utilización no ensino como a creación de videos interactivos e as metodoloxías copyleft na educación.
Feito na casa é a revista dixital de cultura tradicional, centrada na música e a cultura popular. O seu primeiro número atoparemos traballos relacionados coa música (dúo compostelán Verdegaio), fotografía (entrevista ao fotógrafo Juan Luís Rúa), obradoiros de instrumentos musicais (César Loureiro), simboloxía mariñeira en Muxía (da man de X.H. Rivadulla Corcón)


 

12/9/13

A ÚNICA REVISTA INFANTIL EN GALEGO



O Xabarín Club foi un fito para varias xeracións.
Ese personaxe creado por Miguelanxo Prado entrou nos fogares, a través da pantalla, para quedar nos ollos dos maís novos da casa. Así se foi construíndo o club dos xabaríns, cubrindo unha necesidade básica da rapazada.
Agora, para cubrir unha demanda moi sentida, aparece de novo o Xabarín con "Oink!”, a revista destinada aos nosos rapaces e rapazas, a única revista en galego. Aí atoparán  novas, reportaxes, pasatempos, música, seccións divulgativas, de entretemento e moita, moita banda deseñada,  coa colaboración de Miguelanxo Prado, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chinto
comandados por Kiko da Silva.
O seu prezo 3€, a súa periodicidade mensual. 
Os pais da criatura son Marcos Ferreira e Lucía Castro, a fronte da empresa Agalip.

7/10/11

REVISTA DE BANDA DESEÑADA INFANTIL



Recollemos do blogue de Kiko sa Silva
"Fiz, unha revista para iniciar aos nenos no cómic, aproveitando o éxito e a estrutura de Retranca. Poderase ver no Salón de Barcelona e sairá en galego e en español.
Será unha revista bimestral que sairá en quioscos, en galego en Galicia e en español para o resto de España. Un proxecto sen subvencións, outra vez. A revista chámase FIZ, a revista do neno máis porco do mundo. A idea é aproveitar o éxito do personaxe para entrar na casa dos rapaces sen ter que acudir aos personaxes das series de TV. Sei que a experiencia errada de Míster K está recente (Aínda que eu asinaría xa por poder chegar a sacar todos os números que se editaron de ela!!). Pero creo que debemos de tentar recuperar o mercado dos nenos no cómic español, que o temos descoidado, e que quizais a experiencia en quioscos de Retranca axude a atraer novos lectores aos quioscos.
Trátase de facer unha revista pensada para os nenos, politicamente incorrecta, de historietas feitas por autores españois e sobre todo tentando entreter. Cadro de persoal de luxo: Mel, Monteys, Fernando Iglesias (Kohell), Ed Carosia & Diego Arandojo, un relato de Manuel Lourenzo ilustrado por Víctor Rivas, Jali, José Domingo, Alex Fuentes & Busquet, Vergara & Olivares, Jorge García & Sagar e eu mesmo".


26/1/11

BLOC, Revista Internacional de Arte e Literatura Infantil


O último número, seguramente tamén o derradeiro, da revista BLOC (Revista Internacional de Arte y Literatura Infantil), trata o tema dos xoguetes como materia prima dos albumes ilustrados. Parte dunha ensinanza: o mellor xoguete é o máis imperfecto porque encerra máis posibilidades creativas facéndoo máis versátil; por iso se converteu nun obxecto artístico. Así o contan: "Ao unir xoguetes e arte conseguimos obras que xenerosa e eficazmente teñen contribuído á formación artística dos niños. Centos, tal vez millares de obras teñen os xoguetes como obxecto da súa vocación expresiva e comunicativa. Álbums, obras literarias, películas, obras teatrais, etc. téñense inspirado no artificio dos xoguetes que, como acción simbólica dos sentimentos e desexos infantís, toman vida propia e expresan emocións.”

Este é o número 6. No 5 víronse as relacións entre o cine e os álbums ilustrados; no 4 os interrogantes e enigmas no álbum ilustrado; no 3 tratáronse os abecedarios ilustrados... e así ata o número cero que se pode descargar na páxina. Revistas que eran obras de arte en si mesmas, dirixidas polo noso premiado escritor Xabier P. Docampo e editadas por Antonio Ventura.

25/1/11

REVISTA PLATERO: sempre ROALD DAHL


O último número de PLATERO ("Revista de Literatura Infantil - Juvenil, Animando a la Lectura y Bibliotecas Escolares") está dedicado integramente a Roald Dahl, na conmemoración dos vinte anos da súa morte.

Juan José Lage, o director da revista, é o autor deste monográfico no que ademais de artigos de fondo, achega textos e citas, unha ampla bibliografía tamén con películas e estudos, unha entrevista imaxinaria...

Nas páxinas centrais, unha serie de reseñas que acollen desde álbumes ilustrados, libros - xogo, narrativa, poesía, documental, edicións especiais, tebeos, libros sonoros, libros singulares, clásicos, coleccións - series...

Unha boa ocasión para volver a este clásico da man dun dos seus especialistas.

5/4/10

BD BANDA, revista de banda deseñada


BD BANDA revista de banda deseñada publicada pola asociación do mesmo nome, BD Banda. Outro proxecto no que atopamos a Kiko Dasilva, ese ilustrador, cartelista, autor de banda deseñada e de humor, que tamén sacou á luz Retranca (a revista mensual de humor galego). Proxectos, empeños, esforzos… por manter vivas unhas publicacións que funcionan como fiestras mostrando camiños non trillados e que só resisten cando atopan un público lector que as sostén. Algunha responsabilidade teremos, non? Algúns e algunhas de nós seguiremos recoñecendo o traballo doutras publicacións anteriores como Golfiño e recoñecendo o traballo de quen as promoveu como Miguel Vázquez Freire. Falar de BD Banda é falar dunha serie de creadores que achegan as súas series como Jacobo Fernández con “Animais Pantasmas”, Javier Olivares con “As novas aventuras de Astro”, Jorge García e David Rubín con “Zemo”, as tiras de Raúl Ariño, Albert Monteys, Alberto Guitián, Miguel Robledo, … entrevistas e artigos ou capítulos de obras.